Monday 06 de May de 2024

Unha exposición en María Pita repasa a dilatada traxectoria de Manuel Ayaso


A mostra “Manuel Ayaso. Testemuña do invisible” recolle obras das diferentes etapas e estilos do pintor de Ribeira

A exposición, composta por 84 obras, permanecerá aberta ata o 12 de marzo

A sala de exposición do Pazo Municipal de María Pita acolle dende hoxe a exposición “Manuel Ayaso. Testemuña do invisible”, un repaso á traxectoria artística dun dos pintores de referencia de Galicia das últimas décadas. O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, interveu na apertura da exposición xunto co comisario da mostra, Alfonso Costa.

Durante a apertura da exposición, José Manuel Lage agradeceu a presenza de Manuel Ayaso e subliñou a súa calidade artística e compromiso coa pintura e a cultura, ademais do que xa ten demostrado durante toda a súa traxectoria vital coa súa terra que reflicte perfectamente nas súas obras. Destacou tamén a súa capacidade para transportarnos co seu simbolismo á verdadeira esencia das cousas. “É un virtuoso, capaz de agasallarnos o seu talento e de facernos mirar cara o invisible, cara a esencia das nosas vidas, da nosa contorna e da nosa sociedade”, indicou o concelleiro.

Nesta mesma liña afondou o comisario da exposición, Alfonso Costa, nun acto que contou coa participación da poeta Eva Veiga e coa presenza do propio pintor, de 89 anos de idade.
A mostra está composta por 84 pezas de diferentes etapas e estilos pictóricos e permanecerá aberta ata o 12 de marzo.

Manuel Ayaso vive actualmente en Aguiño, no municipio de Ribeira, unha vez retornado de Estados Unidos, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira artística. A época da posguerra marcada en Galicia pola emigración e a penuria económica, o mundo do mar e os mitos da súa terra son fundamentais na súa produción.

Ayaso está considerado como un dos virtusosos do debuxo enmarcado estilísticamente no expresionismo con múltiples referencias surrealistas. Entre as súas influencias destacan Goya, en particular as súas pinturas negras, O Bosco, Picasso, e o barroco español de Valdés Leal, e Gutiérrez Solaina. Tecnicamente utiliza, entre outras, unha técnica cuxos orixes están no século XIII: a punta de prata, cunha apariencia característica que adquiren as obras debido ao proceso de oxidación da prata e que encaixa á perfección no formato pequeno, case de miniatura, que acostuma traballar Ayaso.

Emigrado con trece anos a Estados Unidos, obtivo un gran recoñecemento no país que o acolleu e do que adquire a súa nacionalidade, incorporándose ao Terceiro Exército dos Estados Unidos de Atlanta, no que se ocupa do deseño de obras de teatro e baile. O Centro de Oficiais, asígnalle un estudio propio no que xorden as súas primeiras obras, que vende na Neue Gallery de Nova York. Posteriormente traballou con galerías como Cober Gallery e Fórum Gallery. A década dos noventa é a do recoñecemento como pintor galego e en 1997 realiza a súa primeira exposición na Casa da Parra en Santiago. Ao longo da súa traxectoria a súa obra incorporouse a destacadas coleccións como a do Museo Whitney de Nova York, Universidade de Massachusets ou a da Universidade de Oregón, así como a distintas fundacións privadas de América, Israel e México.